29 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 7

Bo día familias!

Xa levamos algún día máis de confinamento en familia, e espero que o vexades coma un agasallo para pasar moitos momentos especiais xuntos, disfrutando dese tempo que as veces escasea na rutina diaria. Hai que ser positivos!

Hoxe plantexamos as seguintes propostas:

1- ASEMBLEA NA CASA:
 
Propoñemos elaborar un recanto específico para traballar cada día a ASEMBLEA, rutina tan importante na escola, onde poden vivenciar diariamente o paso do tempo e ordenar as súas ideas sobre a sucesión do mesmo. Dependendo do espazo do que dispoñades no fogar, podedes decidir onde situalo: nunha mesa, nunha caixa de cartón...
Propoñemos de exemplo unha caixa, e para realizar a actividade terán que facer o seguinte:
- Decorar a caixa: podemos poñer de fondo un debuxo dunha paisaxe primaveral que eles fagan. Podedes usar todo tipo de materiais (dos que dispoñades na casa ou no xardín se algún ten a sorte de contar con el). (MINIMUNDO DA PRIMAVERA).
- Alí cada día poden engadir o día que é (cos números do 0 ao 9 xa poderán formar todos os días do mes e xogar cos números, o mes (que dentro de moi pouco remata marzo e comeza abril), o tempo que fai (facendo tarxetas diferentes de chuvia, sol, sol e nubes... que poden elaborar eles mesmos)...
Todo o que se vos ocorra…
- Ademais podedes falar con eles e elas dos cambios que se producen na primavera: os paxaros cantan, os animais que estaban hibernando espertan, saen moitos tipos de flores...
- Falar con eles un rato: que conten que foi o que máis lle gustou do día de onte, que lles apetecería facer hoxe, como se sinten…(é importante que aprendan a escoitar e a respectar o turno de palabra, e é fundamental sentirse escoitados).
- Tamén suxerimos que podedes engadir a este recanto, unha lista de películas favoritas, unha lista de comidas que lles apeteza… e así cada día poden comprobar o que toca hoxe.
A continuación podedes ver unha foto do exemplo da actividade.

 Foto de www.tamarachubarovsky.com

Tamén vos propoñemos diferentes cancións que poden escoitar todos os días pola mañá:


2- XOGAMOS A SER CIENTÍFICOS:
A seguinte proposta é a de facer un "Fluído non newtoniano". O que desexe pode ampliar a actividade investigando: por que pasa isto?. Sabíades que hai certos fluídos que poden ser á vez líquidos ou sólidos dependendo da presión que lles apliquemos?

Nestes vídeos podedes ver as receitas, unha pequena explicación e como plantexarlle a actividade aos nenos e nenas.

Podedes engadirlle á masa para enriquecer a actividade: pelouros, paus, bolas..., o que se vos ocorra para que o busquen e xoguen con eles.

3- CONTO CONTIÑO:

 "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza".



Este gústalles moito. Por que será?

Para despedirnos, hoxe propoñemos unha canción coa que desfrutar e bailar en familia.


Moito ánimo, alegría e forza!

27 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 6

Ola familias!

Como ides levando esta segunda semana de confinamento? Esperamos que da mellor maneira posible...

Antes de comezar coas nosas propostas para a fin de semana, queremos responder con imaxes a unha das preguntas que fixemos na entrada publicada hai uns días con respecto ás cenorias e as leitugas que plantamos!


Imaxes de hai 2 días feitas polo director do cole.  

Vistes como medraron?

Tras este inciso informativo, continuamos coas propostas didácticas:

1.- XOGAMOS COAS MATES!

Para comezar, imos propoñer un xogo moi chulo para os máis peques, xa que nos interesa que as mates sexan vivenciais e á vez divertidas.

a) OS TRES PASOS DA FORMIGA: Para xogar necesítanse 2 persoas mínimo, un adulto e un neno ou nena, e ubicarse no espazo máis amplo que teñedes na casa. Ademais, o cativo deberá colocarse fronte ó adulto a unha distancia de alomenos 8 pasos. Será o adulto o que comece a xogar dicindo o nome do rapaz e/ou rapaza e cantos pasos ten que dar. A clave do xogo está en "interpretar", porque estes pasos serán... "3 pasos de elefante", "4 pasos de rato" (cando digades o número, podedes apoialo coa representación gráfica do mesmo, neste caso, o 4)... e poderán imitar ós animais (seguro que as súas zancadas ou a forma de desprazamento varía ó cambiar de animal). Para que o xogo dure máis tempo poderedes utilizar os pasos cara atrás do caranguexo!

A través deste xogo podemos reforzar os conceptos básicos como preto-lonxe, pequeno-mediano-grande, máis-menos, os números..., e o máis importante, pasalo ben en familia.

Seguimos cunha actividade de manipulación e de máis complexidade:

b) DIVERTÍMONOS COA XEOMETRÍA?: Propoñemos unha actividade moi entretida e coa cal podemos adentrarnos no mundo da xeometría dunha forma lúdica. Para a súa realización, tan só precisamos duns palillos, plastilina e tarxetas imprimibles ou visualizables. Se non dispoñedes dese material, poderíamos xogar a representar figuras planas empregando garfos, culleres, pasta, cordas, paus, pedras... Esta actividade foi recollida no blogue de Mumuchu, o cal, inclúe a posibilidade de descargar tarxetas como estas:


Podedes acceder á páxina do blogue de mumuchu premendo na seguinte ligazón:
  

Recomendamos comezar polas figuras planas como triángulo, cadrado, rectángulo (2D)... e se teñen ganas de máis dificultade, continuar cos corpos xeométricos (3D) como o cubo ou a pirámide, entre outros. A ver cantas tarxetas conseguimos completar... Ánimo!

2.- OÍDO COCIÑA: RECEITA DAS "TRIKI GALLETAS".

Coñecedes a Triki rapaces e rapazas? Seguro que as vosas nais e pais si. A Triki encántanlle as galletas, de feito é coñecido como o "monstro das galletas", e hoxe quixo compartir unha receita connosco que é das súas preferidas.



Ingredientes básicos das TRIKI GALLETAS para 3 ou 4 persoas:

- 2 plátanos algo maduros.
- 200 gramos de copos de avea.

*Podedes acompañar a receita con 1 cullerada de canela, ou para os máis lambóns, con 1 culleriña de mel ou pepitas de chocolate negro.

1º) Comezamos pelando o plátano e logo o trituramos cun garfo.
2º) Vertemos 200 gramos de copos de avea nun bol. Opcional: engadirlle aos copos de avea a canela ou mel e/ou pepitas de chocolate negro. 
3º) Mesturamos todo cun garfo.
4º) Facemos boliñas coa masa e logo lle damos forma ás galletas.
5º) Precalentamos o forno a 200 ºC e intruducimos a bandexa coas galletas no forno. Deixamos cociñar durante 15-20 minutos, ata que estean doradiñas.

Este foi o noso resultado...


Se queredes podédesnos compartir o voso 😊

Antes de comezar a cociñar, propoñémosvos que xoguedes coas letras... De que xeito? Escribindo a receita das TRIKI GALLETAS...., respectando sempre o proceso madurativo do neno e nena e a etapa na que se atopa dentro do proceso de adquisición da escritura. Outra opción é que debuxen os ingredientes. A finalidade é a de empregar a súa propia receita á hora de poñerse a cociñar.

Que aproveite rapaces e rapazas!

3.- MÚSICA E A BAILAR!

Coñecedes o baile do cadrado? Con este baile as risas tanto das crianzas como dos adultos están máis que aseguradas. Estes días de encerrona non pode faltar o sentido do humor e para realizar este baile asegúrovos que é imprescindible.

En castelán...


En portugués pero máis visual...


Recordade situarvos dentro do cadrado 😂

Rematamos desta maneira as propostas para a fin de semana. Ánimo familias, podemos con isto e con moito máis!!!

O luns voltamos con máis propostas...

Mandámosvos unhas agarimosas apertas e moita forza!

Anuska, Loli e Quico 😘



25 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 5

Booooo díaaaaaaaaaa!

Ala imos polo noso 12 (dez e dous) días na casa, pero coa mesma forza e ánimo co primeiro día... Pensamos que, como isto vaise prolongar no tempo, sería convinte que cada familia co seu fill@, realice de forma consensuada un horario, onde se combinen tempos de RUTINAS con tempos de ACTIVIDADES ESPECÍFICAS.

 1.HORARIO DE RUTINAS

Tendo en conta as seguintes propostas, cada familia establecerá as RUTINAS DIARIAS que consideren máis axeitadas, tendo en conta que a súa organización debe ser dinámica e moi flexible, para adecuarse ao ritmo de cada nen@ e as súas características e necesidades, e as cales ofrecen seguriade ao nen@., xa que lle axudan a estruturar o tempo e saber en cada momento o que vai acontecer. Botádelle un ollo no blog do centro "A miña rutina diaria".

e ao seguinte exemplo: #NOSQUEDAMOSNACASA
  • LEVANTÁMONOS!!  
  • ALMORZAMOS
  • ASEÁMONOS E VESTÍMONOS
  • ASEMBLEA: Reunión dos membros da familias para decidir que actividades se van facer. Traballar sobre o calendario, a data, o tempo atmosférico...
  • ACTIVIDADES A REALIZAR: Propostas para facer na casa de maior concentración.
  • UN POUQUIÑO DE PANTALLA: Sexamos realistas, co teletraballo e demais obrigas é necesario que as familias tamén teñades tempo para facer as vosas tarefas. Propostas para facer na casa.
  • HORA DE POÑER A MESA: @s nen@s deben axudar a cociñar e a facer as tarefas da casa.
  • COMIDA EN FAMILIA
  • TEMPO DE DESCANSO E RELAXACIÓN
  • ACTIVIDADES A REALIZAR: Propostas para facer na casa de menor concentración.
  •  MERENDA
  • TEMPO DE XOGO LIBRE: construcións, quebracabezas, disfraces...; xogos de mesa: cartas, bingo, dominó, parchís,  tres en raia, ou outros tipo de xogos que teñades na casa; xogo simbólico (sexamos cociñeir@s, maquillador@s, masaxist@s, perruqueir@s...)
  • ACTIVIDADE FÍSICA: Propostas para facer na casa.
  • MOMENTO CONEXIÓN CO MUNDO: Podemos facer videochamadas con familiares, amigos...
  • IOGA PARA NEN@S: Propostas para facer na casa
  • BAÑO, CEA E DENTES
  • CONTO NA CAMIÑA
  • DOCES SONOS!!

2. CONTO: UN BECHO ESTRAÑO



3. MASA SENSORIAL: AREA MÁXICA CASEIRA

A receita de area máxica é moi sinxela. Tan só necesitamos dous ingredientes:

- 2 tazas de fariña 
- 1/4 de aceite

É importante respectar as proporcións, aínda que cando comeces a mesturar coas mans pareza que a masa está moi solta, remataa e verás que queda con moi boa consistencia.
Para xogar podedes poñer cacharriños tipo vasos pequenos ou moldes de area, culleres... o que teñades por casa.
 4. XOGAMOS COS BIRLOS:

Imos construír uns birlos con 6 roletes de papel hixiénico e unha bola de papel ben apretadiña. A continuación, numeramos os 6 rolos do 1 ao 6 e comezamos a xogar... Tamén podemos pintalos...

 Por exemplo:  tirei o número 1, 2 e 3, agora vou intentar titar o 4, só me quedan o 5 e o 6... teño que tirar 6, se tirei 4, cantos me quedan por tirar...



23 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 4

Bo día familias!

Como este periodo de confinamento vai ser máis longo do que contabamos, deixamos a vosa diposición os correos das tres aulas de infantil para que, quen o desexe, poida poñerse en contacto cos titor@s e, de forma individualizada, comunicar posibles dúbidas e suxestións.
  • 3anosespinheira@gmail.com
  • 4anosespinheira@gmail.com
  • 5anosespinheira@gmail.com

Xa pasaron moitos días dende que non falamos… Pola nosa parte queremos seguir propoñendo actividades, que se vos apetece podedes realizar na casa...

1.- CHEGOU A PRIMAVERA:
 
No Hemisferio Norte, ás 4:49 hora española, do venres 20 de marzo ao sábado 21 de marzo chegou a primavera... e aproveitando que este mesmo día foi o "Día da Poesía", propoñémosvos que lles leades este poema:

O ARCO DA VELLA de Manuel María

O arco da vella
no ceo subido
co seu colorín
co seu colorido.

O arco da vella
con sete colores
que teñen, no ceo,
belezas e flores.

O arco da vella
no ceo chantado,
co seu colorín
co seu colorado.

O arco da vella
é un arco triunfal
con sete guerreiros
que a ninguén fan mal.

O arco da vella
de luz feito é.
Resulta un milagre 
que siga de pé!

A continuación, segundo a idade, podedes escribir algunhas palabras significativas do poema en código morse e intentar descifralas. Tamén podedes prepararlles mensaxes con este código, que el@s mesm@s cun pouco de axuda, descifrarán como auténticos detectives, como o superheroe Batman!


E para finalizar, compartimos a canción deste precioso poema:



 2.- DÍA DA ÁRBORE: 

O sábado 21 de marzo  foi o "Día da Árbore". No vídeo que vos propoñemos para ver en familia, saen as árbores que dan nome as nosas aulas. A ver se as atopades: Carballo 3 anos, Figueira 4 anos e Cerdeira 5 anos (ao mellor non salen todas...).


"Nana das árvores" (Cantiga con letra de Anxo Moure e música de Servando Barreiro).

As nen@s poderán facer un debuxo da súa árbore preferida, plantar unha pranta ou unha legume nun bote de iogur cun algodón empapado en auga (lentellas, xudía brancas ou garabanzos)... Nuns días verás como comezan a brotar as semillas...

Lembrade quitar fotiños!!!

Como estarán esas cenorias e leitugas do invernadoiro do colexio...?

3.- UN POUCO DE ACTIVIDADE:

Propoñémosvos tamén un pouco de actividade... Sempre está ben mover un pouco o esquelete!

SALTO DE LONXITUDE NA CASA: Tan só necesitas un pouco de fita adherinte de cores.



4.- CONTO CONTADO: 

Non pode falta o ratiño do conto, tan esencial para facer voar o maxín e a creatividade d@s pequerrech@s. Propoñemos para hoxe "O coelliño branco", pero nesta páxina podedes atopar outros moitos contos...


QUE PASEDES UN DÍA XENIAL EN FAMILIA!
 

18 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 3

Bo día familias:

Xa estamos no noso terceiro día sen cole... Nós seguimos enviándovos propostas, para que de forma voluntaria, poidades facer na casa coas vosas fillas e fillos.

1.- CONTOS EN PIXAMA: Como ben sabedes, nesta etapa educativa non poden faltar os contos así que aquí temos novas propostas... Escribindo Contos en pixama en Google, cada día atoparedes un novo conto da editorial OQO, da man da Gravata Torla para que poidades ver, escoitar e desfrutar en familia. Aquí vos deixamos o enlace ao primeiro conto:


2.- ACTIVIDADES RELACIONADAS CO PROXECTO: Cada nen@ elexirá a un superheroe ou superheroína e realizaredes un traballo de investigación en familia sobre el/ela: nome do superheroe/ína, identidade segreda, símbolo ou logo, superpoderes, debilidades, villanos ou inimigos... Con todo o investigado e recollido (debuxos feitos polos nen@s, palabras escritas a súa maneira ou copiadas, debuxos coloreados...)  faredes unha pequena presentación ou "ficha técnica" onde queden todos estos datos recollidos. Ao reanudar o cole traeremos tamén esta pequena presentación... 

3.- MASA SENSORIAL: PLASTILINA CASEIRA:  Utilizamos unha taza ou vaso duns 200 ml.

Resultado de imaxes para: PLASTILINA CASERA

- 3 tazas de fariña.
- 1 taza de sal fina.
- 1 taza de auga.
- 2-5 culleres soperas de aceite vexetal ou xirasol (3 culleres para comezar e vai añadindo segundo necesites).
- Opcional: 5/8 gotiñas de aceites aromáticos (lavanda, xeranio...) 

O primeiro é moer o sal. Despois se lle engade a fariña, a auga e o aceite. Unha vez amasada, divídea en 2 ou 3 partes e, para darlles cor, podes mesturalas con pimentón, cúrcuma, eneldo, perixel... tamén podes utilizar colorante alimenticio, pero ten en conta que mancha moito, aínda que despois sae ben. Para conservala é importante que non lle dea o aire para que non se reseque, polo que a mellor idea é gardala nun bote con tapa.


4.- BISCOITO: Despois da lectura do conto de Cocorico, que está entre as propostas de onte de Aulas Galegas para 3 anos, que mellor forma de pasar esta "ponte obrigada" que cun rico biscoito, como o que Mamá Galiña lle fixo ao seu fillo Cocorico...

RECEITA SEGREDA DO BISCOITO DE COCORICO
(manter en segredo)

- 1 iogur natural ou de limón.
- 3 ovos de pitiñas criadas en liberdade.
- 3 medidas de iogur de fariña.
- 2 medidas de iogur de azucre/panela.
1 medida de iogu de aceite de oliva.
1 sobre de fermento.

Xuntamos o fermento coa fariña nun recipiente. Noutro metemos o resto dos ingredientes que batiremos e aos que lle iremos incorporando progresivamente a fariña mezclada co fermento. Unha vez conquerida unha masa homoxénea, introducímola nun molde e ao forno, que estará precalentado, sobre 40/45 minutos.

A pesar de ser unha receita segreda e infalible, podedes probar variacións sobre ela.... Sexa como sexa, feito con gusto e amor sairá sempre xenial!!!

                                           Bo proveito, moito ánimo e ata o luns....  

                                            Picotí, picotá, ai que rico, Cocorico.
                                            Picotí, picotá, ai que rico, rico está...



16 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 2

1.- EXPERIMENTOS

Actividade que ten moito éxito entre os nenos e nenas e coa cal conseguiremos pasar un rato divertido e entretido, provocando o asombro dos máis peques.

Por unha banda, compartimos un que se fixo viral estes días...


Por outra banda, deixámosvos outros para esquecernos da problemática actual...



2.- ACTIVIDADES RELACIONADAS CO PROXECTO.

Como ben sabedes, un ben preciado nestes días é o papel hixiénico 😉. Nós non vos vamos a pedir que destraguedes o papel, pero si que conservedes o cartón para poder realizar actividades "chulas" de superheroínas e superheroes como a seguinte:

- Realización dun BRAZALETE. Velaquí compartimos algúns modelos:



3.- ACTIVIDADES MOTORAS

Podemos xogar a:
- encestar cousas nun cubo,
- pasar a pelota ou globo sen que nos caia, con variantes como contar...
- facer carreiras saltando de diferentes maneiras, con sacos, levando algo na cabeza...
- xogo das estatuas musicais,
- escondite inglés,
- ás agachadas, 
- etc.

Na seguinte imaxe amosamos outras ideas de xogos empregando a cinta de carrocero:


Despois do xogo propoñemos unha actividade de volta á calma. Por exemplo: Ioga para nen@s.


Compartimos tamén a publicación de Pequefelicidad que integra 50 actividades para facer con nenos e nenas na casa, sen necesidade de empregar as pantallas.


Por último, comentarvos que premendo nas seguintes ligazóns, poderedes acceder a unha páxina web educativa que actualizará actividades diariamente para nenos e nenas de Educación Infantil (3, 4 e 5 anos).

Seguimos en contacto familias... Ánimo!

15 marzo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 1

Ola familias!

Recuperamos este blogue para compartir algúns recursos que poden ser de interese para estes días onde todos temos que estar na casa.

Engadir que as seguintes propostas son de carácter opcional. O que pretendemos é facer un pouco máis amenas as xornadas na casa programando actividades de diferentes temáticas, partindo por suposto, do xogo:

1.- Podemos comezar uníndonos a iniciativas como #TODOVAISAIRBEN ou #DENDEAMIÑAVENTÁ, que persegue mandar unha mensaxe de optimismo ante o avance do Covid-19 a través dos debuxos realizados pol@s pequen@s da casa. Para iso, cada nen@ pegará a súa obra na ventá da súa casa, deixando mensaxes como #QUÉDATENACASA, #TODOIRÁBIEN, #EUQUEDONACASA... Cando remate esta situación traerémolos ó cole e faremos unha gran exposición 😀


2.- Conto para narrar e colorear: MISIÓN QUEDARSE EN CASA. Coa finalidade de explicarlles ás crianzas dunha maneira amena, a situación na que nos atopamos e o motivo polo que temos que estar nas nosas casas. E, cando isto remate, obteremos a recompensa.

Podedes descargalo AQUÍ

3.- Pandemia de contos: Sabes contar ata cero? Aprende a seguinte canción da man de Avelino González:

 
Nos vindeiros días seguiremos publicando propostas novas e con temáticas diferentes...

Un saúdo e moito ánimo familias!!!