28 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 14

BOOOOOO DÍAAAAA!

Como imos familias?  Espero que un pouquiño mellor, agora que os nen@s xa poden comezar a saír, aínda que só sexa para estirar as pernas. Pero lembrade... con MOITO SENTIDIÑO...

1. CONTO CANTADO, CONTO CONTADO

Aquí vos deixo unha adaptación musical do conto "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza". Espero que desfrutedes moito del e botedes unhas grandes gargalladas, xa que nesta situación que estamos a vivir fan boa falla...


A continuación, imos modelar as caquiñas de todos os animais que aparecen no conto, así que fixadevos ben nas imaxes das cacas e nas súas cores... Podedes facelo con plastilina ou con calquera outras masas sensoriais que teñades pola casa ou fixerades. Comezamos...

CAN DO CARNICEIRO: redondo e marrón, parecíase un chisco a un chourizo.
POMBA: unha pinga branca e húmida.
CABALO: 5 bolas grandes e gordas.
LEBRE: 15 (10+5: dez e cinco) balotes redondos.
CABRA: unha chea de cirolos cor caramelo.
VACA: unha masa marrón verdella. 
COCHO: un montonciño brando e pardo.
TOUPIÑA: negra e pequerrechiña.

Podemos rematar o traballo escribindo os nomes dos animais, cada un a súa maneira, e poñerllo nas súas caquiñas. Outro opción sería facer un debuxo do conto onde aparezan todos os animais cos seus nomes e as súas caquiñas.

2. CREA O TEU RETRATO COMO FACÍA PICASSO

Lembra que este pintor utilizaba o CUBISMO nos seus retratos, é dicir utilizaba distintas formas xeométricas para representar a realidade. Hoxe imos convertermos en Picasso polo que teremos que crear un retrato con distintas figuras xeométricas. Para iso precisas plastilina de varias cores, que podes facer consultando as PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 3 e... ao choio.

- Fai dúas bolas de plastilina de diferente cores e do mesmo tamaño.
- Úneas e aplástaas.
- Colócalle o que ti consideres: ollos, nariz, boca, pelo, cellas, pestanas, ourellas, gafas...

A deixar voar a vosa imaxinación e creatividade... Gústavos o meu retrato?

 

3. A MAXIA DAS PALABRAS

Imos traballar co noso nome e para iso temos que converternos en detectives...

1. Debuxa cada unha das letras que compoñen o teu nome nun folio.  
2. Buscar obxectos pola casa que comecen polo son de esas letras (/aaa/, /nnn/, /uuu/, /sss/) e poñelos enriba de cada folla. Cantos máis obxectos poidas atopar mellor....
3. Tamén podes escribir no folio, cada un a súa maneira e respetando a súa maduración e ritmo de aprendizaxe, as palabras novas dos obxectos atopados.

Aí vai un exemplo:



4. GRAFISMO CREATIVO

Collemos un folio  e o dividimos en oito partes iguais. A continuación cada nen@ deberá encher cada parte con distintos tipos de trazos que elixirá libremente (horizontais, verticais, puntos, cruces, círculos, soles, cadrados, espirais, etc)





QUEREMOS VER MÁIS FOTOS DOS  TRABALLIÑOS QUE FACEDES DE TODAS AS NOSAS PROPOSTAS!!!

E por último... aquí vos deixamos o resultado final do vídeo do DÍA INTERNACIONAL DO BICO. Nel poderedes ver aos compañeir@s e profes mandándovos unha morea de bicos... Aínda que sexan virtuais estou segura de que os sentiredes preto e vos sacarán un sorriso...



Moitas grazas familias pola vosa aportación... Sen vós isto non sería posible..

MOITO ÁNIMO que pronto o conseguiremos... 

Aquí vos deixamos propostas para toda a semana... E como o venres é festivo, voltamos o vindeiro martes con novas propostas...

BICOS E APERTAS...

23 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 13

Bo día familias!

Ante todo desexamos que todo siga ben polas vosas casas e enviamos moito ánimo pois, por fin a partir do domingo 26 de abril, comezamos a ter un pouco de respiro!!!



Ademais, como ben sabedes, onte foi o día do libro e tanto na páxina web da escola como no blog da biblioteca, está publicado o contacontos a cargo da "TROPA DE TRAPO". Agradeceremos moito que se vos gustou, premades en "gústame 👍" na páxina de Youtube:

Tamén tedes dispoñible o video con todas as vosas recomendacións literarias:


E agora, comezamos coas propostas do 24 de abril:

1- DÍA DO LIBRO 23 DE ABRIL:

Esta é unha data moi señalada para todos e todas os que disfrutamos coa lectura facendo voar a noso maxín e creatividade, polo que non podía faltar unha pequena proposta relacionada cos libros.

Un dos libros máis especiais que existen é "O PRINCIPIÑO". Foi escrito por Antoine de Saint-Exupéry, e é un dos libros máis leídos da historia, que foi traducido a máis de 250 linguas e dialectos, incluido o latín. Deixámosvos un pequeno fragmento da obra: "O principiño e o raposo".

 

A proposta sería a de facer uns monicreques coma a vosa creatividade e maxín elixa e representar un pequeno fragmento da obra, ou xogar con elas libremente. Poño unha fotografía de exemplo de monicreque sinxelo do principiño e do raposo:




2-FESTA DOS PÉS:

Os pés son unha parte importantísima do noso corpo, que as veces temos esquecidos e que necesitan do noso coidado. A proposta consiste en facer unha obra de arte cos pés.
Para realizar a actividade podedes enrolar os pés con plástico de burbullas, con bolsas plásticas..., ou se lles apetece poden sentir a pintura sen protexelos, e empapalos con pintura acrílica, para que poidan crear os seus cadros abstractos, incluso poderán estampar a súa pegada se se animan!!!




E agora toca relaxalos. Unha vez limpos podedes probar a facerlle masaxes con distintos obxectos: rugosos (cepillo, unha laranxa…, unha pedra) ou lisos (unha pluma, unha pelota...) o que se vos ocorra. Incluso podedes vendar cun pano os ollos dos nenos e nenas e que intenten adiviñar o obxecto que estades usando. Serán quen de aguantar as cóxegas!!! 😂 Despois poden mergullarse un rato nunha tina de auga con sal para que queden "contentos de todo"!!!


3- XOGANDO CO DADO:

Este xogo ao que podedes xogar en familia é moi sinxelo. Dependendo do número que saquen ao tirar o dado terán que responder as preguntas que lle fagades. Exemplo:
- Dime 4 títulos de contos que te gusten.
- Dime 6 nomes de neno que coñezas.
- Dime 3 nomes de árbores.
- Dime 2 nomes de flores.
- Dime … nomes de cousas que podemos levar ao parque, a praia… todo o que se vos ocorra.
- Nomes de comidas, de películas, de debuxos, de cousas que te gustaría facer cando poidamos saír da casa...



Por último, deixámosvos o enlace da canción "A fraga do meu avó" en honra á Terra.


Tamén queríamos contarvos que a partir da semana que vén publicaremos dúas veces por semana, polo que as propostas para facer na casa, sairán cada martes e venres.

Un bico moi grande e boa fin de semana!!!

22 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 12

Bo día familias!!!

Seguimos con novas propostas que esperamos que vos gusten.


1. LETRAS MÁXICAS (para facer en familia)

Aprender a escribir pode ser moi divertido e asombroso, e para que o comprobedes, deixámosvos aquí unha proposta canto menos sorprendente.

Para realizar a actividade precisamos dunha bandexa ou fonte ampla con bicarbonato na súa base e, para escribir ou garabatear (segundo a etapa na que se atope o neno ou nena), empregaremos vinagre branco e colorante alimenticio. Podemos escribir con contagotas, botes dosificadores, cunha bolsa perforada por unha esquiniña, cuns "bastoncillos"...

Ó mesturarse o bicabornato co colorante produce unha reacción química ácido-base que xenera burbullas e resulta sen dúbida visual e sorprendente.


Podemos traballar coas iniciais só dos obxectos que elixades ou escribir a palabra completa.

Cabe engadir un espazo de tempo para que improvisen e realicen o que queiran de forma libre (sempre supervisados por unha persoa adulta).

2.- DÍA DA TERRA

Hoxe día 22 de abril é o Día Internacional da Terra e, por iso, cremos que é importante poñervos unha actividade relacionada co coidado do medio ambiente, estando en consonancia tamén co noso proxecto de centro "Planétate: pequenos xestos, grandes consecuencias".

A actividade que presentamos é moi sinxela e esperamos que o voso sentido do OLFACTO o agradeza. Nesta ocasión, queremos que fagades un ambientador ecolóxico, evitando todo tipo de químicos (hoxe en día tan necesarios no que refire ós produtos de limpeza).

Para facer o ambientador, podemos botar man de produtos que temos na casa (exemplo: un bote de cristal baleiro) ou que podemos mercar na froitería, supermercado ou herboristería (froitas, herbas e esencias).

Segundo as vosas preferencias olfactivas podedes elaborar o ambientador que máis vos guste.

Nós enumeramos algunhas das ideas recollidas de genial.guru en canto a ambientadores ecolóxicos: 

A) Limón, lima, romero e vainilla. Cortamos en pezas ou rodas (rodajas) o limón e a lima, vertemos auga cubrindo as froitas e engadimos esencia de vainilla e unha rama de romero.

 
B) Laranxa, xenxibre e améndoas. Cortamos varios anacos de laranxa e cubrímolos con auga. Logo, engadimos unhas rodiñas de limón e de xenxibre fresco ou unha culleriña de xenxibre en polvo. Por último, botamos unhas gotiñas de esencia de améndoas.

C) Mazá, canela, anís e clavo de olor. Cortamos en rodas finas a mazá e cubrímolas con auga dentro do tarro e logo botamos os paus de canela, anís e o clavo de olor.


D) Pepino, albahaca e limoncillo. Cortamos o pepino en rodiñas e vertemos a auga. Engadimos unhas ramiñas de albahaca verde e unhas gotas de aceite de esencia de limoncillo.

Pese a que deixamos estas propostas que poden ser agradable ó noso olfacto, queremos animarvos a que improvisedes e experimentedes coas herbas aromáticas ou froitas que tedes máis a man..., igual o resultado sorprende gratamente (ou non). 😉😀

3.- OS SENTIDOS

Xa que comezamos polo olfacto, por que non seguimos experimentando cos outros sentidos do corpo? Recordas cales son os 5 sentidos? Como con un deles xa xogamos, imos descubrir os outros catro:
  
Exercitamos o sentido do OÍDO escoitando esta fermosa canción...


Agora pasamos ao GUSTO, para elo, pecha os ollos e proba diferentes tipos de froita... adiviñaches o nome de todas? Distinguiches as doces das amargas ou das ácidas?...

Continuamos coa VISTA e facémolo vendo esta linda foto das nosas superheroínas e superheroes preferidos... 


E para o TACTO, propoñemos un xogo moi divertido, pero no que deberedes permanecer cos ollos ben pechados ou tapados:

Para xogar pedimos que creedes unha caixa das sensacións, podedes empregar unha caixa de zapatos ou unha de cartón calquera e meter dentro cousiñas como: un utensilio de cociña, algo frío ("tarrina" con xeado, bolsa de legumes conxelada, xeo en bolsa...), algo suave (pompón, anaco de tea...), algo rugoso (bola de papel arrugada...), unha peza de madeira...

Cousiñas que lle leven ó neno ou nena a experimentar as diferentes sensacións polo tacto: quente, frío, suave, rugoso, liso, áspero...

Compartimos unha actividade de ampliación para aqueles que o desexen. Trátase de elaborar un póster ou cartel en tamaño A3, por exemplo, escribindo o nome do sentido, relacionando este coa parte do corpo correspondente e engadindo algo exterior que podemos empregar para estimulalo. Nós realizamos un para que vos sirva de exemplo:



4.- A CANTAR E A BAILAR!

Despedimos este Día Internacional da Terra co gran NATURIZO, xa que sabemos que vos encanta!

a) Coreografía: atréveste a bailala?


b) Cantamos e bailamos!


Unha gran aperta rapaces e rapazas! 
Pasádeo xenial!!!


20 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 11

BOOOOO DÍAAAAAAAA!!!

Xa queda menos familias... Esperemos que de aquí en diante todo sexan boas novas... e poidamos rematar con este becho noxento...

1. AO RITMO DO CONTO "PAXARIÑA DE PAPEL"

Nesta ocasión o que temos que facer é acompañar o conto cantando, xa sei que moit@s de vos xa coñecedes a canción, e intentar seguir o ritmo como fago no vídeo: dúas palmadas e mans sobre pernas... Alá imos...


Despois, coa axuda da familia, podedes facer a paxariña e paxariño de papel... Pintarémoslle os beizos de vermello e botarémoslle rimel nas pestanas a paxariña e porémoslle un bigote a paxariño....


Por ultimo, cada nen@ pode crear o seu xogo simbólico e aproveitar para traballar conceptos básicos como: a xerra está chea/baleira, a auga da xerra está fría/quente... e nocións espaciais como: as froitas están dentro/fóra do froiteiro, paxariña está en fronte a paxariño ou diante/detrás, paxariña está enriba/debaixo da cadeira, etc...


2. TRABALLAMOS SIMETRÍAS
O primeiro que temos que facer é crear un eixe de simetría no chan, xa pode ser pintado, cun pau de vasoira ou pegar un anaco de fita adherente. A continuación, buscaremos obxectos repetidos que teñamos pola casa, por exemplo: legos, bloques de construción, distintas pezas, depresores de cores, culleres, garfos, pratos de xoguete, animais... O obxectivo é que as nen@s creen a mesma secuencia de obxectos a ambos lados do eixe de simetría... Podedes comezar vós con algunha proposta e ir aumentando o nivel de dificultade, despois xa xogarán autónomamente...



3.  ENSALADA RÁPIDA DE CÍRCULOS

Imos converternos en pintores elaborando unha sinxela receita de círculos, seguindo as instrucións que Hervé Tullet nos indica... Aquí temos a receita:

 

Tamén podedes facer o garfo, o coitelo e a culler, calcando uns da casa, pegalos no lugar correspondente e poñerlle un nome a vosa receita. Estou segura de que faredes auténticas obras de arte...

4.  CONCIENCIA FONOLÓXICAS DAS VOGAIS

A profe Julia, dende a aula de audición e linguaxe, tamén quere compartir con vós algunhas actividades. Aquí vos deixa un exercicio para traballar a conciencia fonolóxica das vogais en posición inicial. Pincha no seguinte enlace:


Tamén vos deixa o enlace ó mesmo exercicio, por se alguén o quere realizar en castelán:


5.  PLAY, PLAY, PLAY

Lembrade tamén que no blogue (enriba das propostas), tedes un acceso a PLAY, PLAY, PLAY, onde a teacher Sole comparte moitas das actividades que faciades con ela na clase de English...

LOTS OF HUGS AND  KISSES!!!

 



17 abril 2020

PROPOSTA PARA FACER NA CASA 10

Bo día familias:

Aquí estamos outra vez cunha nova proposta. Esperamos que todo siga o mellor posible polas vosas casas.

1. VISITAMOS O MUSEO DO PRADO:

O pasado mércores 15 de abril celebrouse o Día Mundial do Arte. Por ese motivo hoxe vos propoñemos facer unha visita virtual ao Museo do Prado de Madrid. Xa que non temos posibilidade de saídas co alumnado, facelo dende a casa, é unha gran oportunidade.
A continuación podedes ver un enlace ao cadro de "A familia de Carlos IV" de Goya:



Agora podedes ser vós os pintores e pintoras e intentar reproducir o cadro da vosa familia, debuxando a todos os membros que queirades: avós, nai, pai, irmáns, curmáns… a todos os que queirades debuxar da vosa familia!!!
Deixámosvos o seguinte enlace por si queredes continuar vendo outros dos cadros do Museo, coa
guía da Princesa Margarita.

Lembrade que podedes enviar as vosas producións a os e-mails que están a continuación:


2. XOGAMOS COAS LETRAS:

Recoñecer e xogar coas letras é algo que lles gusta moito aos vosos nenos e nenas. Se trata de que as atopen e as clasifiquen, que as vaian recoñecendo, e  xa poden, crear palabras con elas. Poden escribir o seu nome ou o nome dos familiares... Poñemos unha foto a modo de exemplo para este xogo:


Consiste en esconder letras que teñen que atopar e clasificar. Pódense esconder entre lentellas, garabanzos, fariña, sal..., o material que teñades a man. As letras pódense crear, simplemente, escribíndoas en papeis con diferentes cores e recortalas para escondelas. Podedes facer as variacións que queirades cos materiais dos que dispoñades na casa. E a rescatalas!!!
Cando consigan bastantes, poden formar as palabras que se lles ocorra. Se trata de que as formen como eles saiban, non é necesario que estean perfectamente escritas. Cada un dos nen@s se atopa nunha etapa diferente do desenvolvemento da lectoescritura, e o importante é que vaian avanzando e non a esquezan.

3.CONTO CONTIÑO:

Propoñémosvos que escoitedes a Paco Nogueiras contando "O pequeno indio". Gustaralles un montón escoitalo.


Cando rematen de velo poderíanvos responder as seguintes preguntas:
*Cantas plumas leva Paco Nogueiras na cabeza? De que cor son?
*Como se saúdan os indios da tribu? Cantas veces fan o saúdo?
*Que instumento tocan na tribu?
*Como se chama o pequeno guerreiro?
*Podes repetir o estribillo do conto seguindo o ritmo?
*Con que se adornan os membros da tribu e as persoas maiores?
*En que vai montado o pequeno guerreiro?
*Como lle chama o seu pai?
*A onde vai o pequeno indio coa treboada?
*Con que soña?...


4.A BAILAR!!!:

Como xa é venres propoño unha canción moi marchosa para que poidan mover o esqueleto e aprender a mover as partes do corpo. Esperamos que lles anime!!!


Desexámosvos boa fin de semana e lembrade que podedes compartir as fotos dos bicos e as do libro ou conto preferido con nós nas direccións de correo que vos facilitamos antes.

ATA PRONTO!!!



14 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 9

Bo día familias!

Como vai todo polas vosas casas?

Velaquí vos deixamos novas propostas educativas e lúdicas que esperamos que sexan do voso agrado:

1. XOGAMOS COAS MATES?

Estes días de confinamento na casa dan para moito, polo que vos propoñemos un xogo tendo en conta as figuras xeométricas básicas. A actividade consiste en "desmontar" un pouco, por exemplo, a vosa cociña, para que collades todo tipo de obxectos necesarios co fin de realizar esta actividade.

O proceso a seguir é o seguinte:

1º) Seleccionar 15 obxectos ubicados na cociña, como no noso caso, ou collelos doutra parte da casa.


2º) Clasificar atendendo á forma, da base, de cada obxecto seleccionado.


3º) Contar o total de elementos de forma circular, triangular, cadrada e rectangular.


Ademais de contar os elementos da túa clasificación, poderías responder a este tipo de cuestións?:

- Hai máis obxectos rectangulares que cadrados?
- Hai menos obxectos circulares que triangulares?
- Hai a mesma ou igual cantidade de obxectos circulares que cadrados?
- Cal é o elemento de forma cadrada máis grande que tes?
- Cal é o elemento de forma circular máis pequeno que tes?
- Predominan os obxectos de forma...

4º) Realizar unha instalación artística. Podedes empregar os 15 elementos que empregastes ou outros diferentes.

Exemplo de instalación artística con roupa.

5º) Facer unha foto á vosa instalación artística, a cal podedes compartir con nós enviándoa ó correo do voso titor ou titora.

Queremos ver as vosas creacións 😀

*Os maiores podedes completar esta actividade escribindo os nomes dalgúns ou de todos os elementos que empregastes

2. SOMBRARTE!

Hai unha semana compartimos unha actividade moi chula a través da nosa conta de Instagram e vola queremos poñer por aquí tamén para aquelas familias que non usedes esa APP. A actividade consistía en realizar debuxos a partir das sombras que podemos observar cando aparecen os raios de sol, neste caso, a través das nosas ventás, balcóns, horta, terreo exterior...


Calquera cousa serve para debuxar: un xoguete, unha persoa, un utensilio de cociña, etc... Pero como estamos en época primaveral, a ver se se nos ocorre plasmar algo relacionado con esta estación (froita típica de primavera, flores, plantas, vexetais...).


Podedes rematar a vosa silueta reechéndoa de cores.

3. FROITAS DE PRIMAVERA

A última actividade consiste en realizar unha macedonia con froitas típicas desta estación do ano. Previamente, deberedes informarvos de cales poden ser estas froitas. A continuación, seleccionar e escribir/debuxar as que ides empregar, e xa coa lista dos ingredientes feita, poñerse mans á obra.


Que aproveite rapaces e rapazas! 😋

Para rematar, e tendo en conta que onte foi o día do bico, queremos enviarvos un bico enorme dende as nosas casas:



Esperamos recibir os vosos, primeiramente, porque nos fai moita ilusión vervos e ademais, porque queremos facer un vídeo fermoso con este bonito xesto! 😘

01 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 8

BOOOOOO DÍAAAAA!!!

Lavar as mans pode ser moi divertido, por iso imos comezar as propostas de hoxe cunha canción de MIGALLAS, onde ademais de lavarnos as mans aprenderemos os nomes dos seus dediños en galego... Aí vai... 

1. CANCIÓN DOS DEDOS PARA LAVAR AS MANS

CACHAPIOLLOS - FURABOLOS - PAI/NAI DE TODOS - MEDIANIÑO - PEQUENIÑO e... 
A FAMILIA...


2. CONTO: "O MONSTRO DE CORES E O CORONAVIRUS"



A continuación, cada nen@ pode realizar un debuxo de como se sinte en diferentes situacións, expresándose coas cores asinadas no conto a cada emoción.  A continuación, e segundo a idade, cada crianza pode escribir a súa maneira os nomes das emocións.

3. XOGAMOS AO SIMON MUSICAL... #QUEORITMONONPARE

Tan só precisamos catro papeis de cores, música e... a desfrutar! Esta actividade pódese adaptar a cada nen@ e a súa idade e ir progresivamente aumentando a dificultade. Podemos comezar só con dous movementos  e ir avanzando pouco a pouco...


E,  xa convertido nun superheroe ou superheroína musical, poderá xogar de maneira autónoma tal e como se amosa no vídeo...




4. IOGA E MINDFULNES PARA NEN@S:

Para comezar propoñemos a seguinte canción para saudar ao sol. Para iso necesitamos coñecer as seguintes posturas:

CAN YOGUI       e         COBRA NAMASTÉ

Podedes volver a practicar as posturas dos animais nas  Propostas para facer na casa 2

E agora si... A cantar e saudar o sol...


5. FOTOGRAFÁMONOS CON ANIMAIS EN 3D
Tan só tedes que poñer no buscador de Google algúns destes animais e pinchar no enlace "ver en 3D" e despois "ver no teu espazo" buscaredes o enlace que poña 3D. Movemos un pouco o móbil apuntando o chan e...  UAKALA!!!  Lembrade escribir os nomes dos animais en castelán  "león, tigre, leopardo, tiburón, erizo, pato, pingüino emperador, lobo, cabra, rottweiler, serpiente, águila, oso, caballo, poni, tortuga, gato, pulpo, perro, oso panda o alligator". 

Animádevos a probalo... Xa veredes como a eles lles encanta ver aos animais na súa casa, aínda que sexa a través da pantalla do móbil ou da tableta. Sacade moitas fotos e mandádenolas... Algo se nos ocorrerá facer con todas elas... Estou segura de que ás nenas e nenos lles encantará ver aos seus compañeir@s e ver cal foi o animal que entrou na súa casa...

 E por último, como veñen as "vacacións de Semana Santa", e temos 11 días máis de "enclaustramento", gustaríanos deixar un canal que está funcionando moi ben, xa que propón actividades moi atractivas e divertidas para as crianzas, con obxectos e instrumentos que hai en tódalas casas... 
Deixámosvos o enlace ao capítulo 4 onde aparecen 5 MISIÓNS moi interesantes:

MISIÓN 1: "O torbellino"  (calcar tesoiras, culleres, garfos... / recortar / ordear).
MISIÓN 2: "A conexión é o último que se perde" (calcar man / escribimos inicial nome nun corazón / seriacións).
MISIÓN 3: "Os equilibrettis" (ola / espumadera / espaguetis / macarróns).
MISIÓN 4: "Emparríllate" (parrilla forno / culleres grandes / pinzas / números /espaguetis).
MISIÓN 5: "Deixávolo en bandexa" (bandexa forno / fairy / esponxa).

A través destas actividades traballamos a psicomotricidade fina, óculo manual e viso motriz, a atención, a concentración, as nocións e procesos lóxicos, as correspondencias, e conceptos básicos como númeración, formas, cuantificadores, etc.

Capítulo 4: "Problemas"

 

Seguide compartindo con nós, a través dos tres correos, todas as actividades que  facedes, que eu ben sei que estades traballando moitísimo e a nós encántanos saber de tod@s vós...

Aquí vai o vídeo do "Dia da árbore", con todas as actividades que nos mandáchedes aos correos... 

Moitas grazas familias



Bicos e apertas miles...

Nós tamén vos botamos moitísimo de menos...


E lembrade...

Os resultados da segunda avaliación estarán dispoñibles na aplicación ABALAR o xoves 2 de abril,
 a partir das 12 da mañá.
Voltamos o 14 de abril con novas propostas...