Como vai todo polas vosas casas?
Velaquí vos deixamos novas propostas educativas e lúdicas que esperamos que sexan do voso agrado:
1. XOGAMOS COAS MATES?
Estes días de confinamento na casa dan para moito, polo que vos propoñemos un xogo tendo en conta as figuras xeométricas básicas. A actividade consiste en "desmontar" un pouco, por exemplo, a vosa cociña, para que collades todo tipo de obxectos necesarios co fin de realizar esta actividade.
O proceso a seguir é o seguinte:
1º) Seleccionar 15 obxectos ubicados na cociña, como no noso caso, ou collelos doutra parte da casa.
2º) Clasificar atendendo á forma, da base, de cada obxecto seleccionado.
3º) Contar o total de elementos de forma circular, triangular, cadrada e rectangular.
Ademais de contar os elementos da túa clasificación, poderías responder a este tipo de cuestións?:
- Hai máis obxectos rectangulares que cadrados?
- Hai menos obxectos circulares que triangulares?
- Hai a mesma ou igual cantidade de obxectos circulares que cadrados?
- Cal é o elemento de forma cadrada máis grande que tes?
- Cal é o elemento de forma circular máis pequeno que tes?
- Predominan os obxectos de forma...
4º) Realizar unha instalación artística. Podedes empregar os 15 elementos que empregastes ou outros diferentes.
Exemplo de instalación artística con roupa.
5º) Facer unha foto á vosa instalación artística, a cal podedes compartir con nós enviándoa ó correo do voso titor ou titora.
Queremos ver as vosas creacións 😀
*Os maiores podedes completar esta actividade escribindo os nomes dalgúns ou de todos os elementos que empregastes
2. SOMBRARTE!
Hai unha semana compartimos unha actividade moi chula a través da nosa conta de Instagram e vola queremos poñer por aquí tamén para aquelas familias que non usedes esa APP. A actividade consistía en realizar debuxos a partir das sombras que podemos observar cando aparecen os raios de sol, neste caso, a través das nosas ventás, balcóns, horta, terreo exterior...
Calquera cousa serve para debuxar: un xoguete, unha persoa, un utensilio de cociña, etc... Pero como estamos en época primaveral, a ver se se nos ocorre plasmar algo relacionado con esta estación (froita típica de primavera, flores, plantas, vexetais...).
Podedes rematar a vosa silueta reechéndoa de cores.
Podedes rematar a vosa silueta reechéndoa de cores.
3. FROITAS DE PRIMAVERA
A última actividade consiste en realizar unha macedonia con froitas típicas desta estación do ano. Previamente, deberedes informarvos de cales poden ser estas froitas. A continuación, seleccionar e escribir/debuxar as que ides empregar, e xa coa lista dos ingredientes feita, poñerse mans á obra.
Que aproveite rapaces e rapazas! 😋
Para rematar, e tendo en conta que onte foi o día do bico, queremos enviarvos un bico enorme dende as nosas casas:
Esperamos recibir os vosos, primeiramente, porque nos fai moita ilusión vervos e ademais, porque queremos facer un vídeo fermoso con este bonito xesto! 😘
No hay comentarios:
Publicar un comentario