Bo día familia!
Esperamos que todo vaia moito mellor xa que somos máis libres!
Antes de comezar coas propostas queremos compartir un vídeo moi especial, sobre todo, para os nenos e nenas que cumpriron anos en maio. Parabéns!
Seguidamente presentamos as actividades desta semana:
1. FLOTA?
Experimentar coa auga nesta época do ano sempre se agradece, por iso, propóñovos unha actividade onde o uso dunha toalla pode ser moi necesario 😀
Primeiramente, debedes botar suficiente auga nunha tina, caixa plástica... Logo, seleccionade sobre 8-10 elementos que teñades pola casa para poder comprobar a flotabilidade de cada un deles. A continuación, os que queirades, podedes escribir nunha táboa como a da foto o nome dos obxectos seleccionados:
Con todo preparado, marcamos as nosas hipóteses: SI, flota ou NON flota?
Coas hipóteses establecidas, comezamos coa experimentación e imos marcando na caixa ("casilla") de RESULTADO se flota ou non. Velaquí vos deixo o meu exemplo:
Agora que xa comprobamos e vimos o que flotaba e non flotaba... Que vos parece se aproveitamos algunhas das cousas empregadas para facer unha embarcación?
Eu propóñovos facer dúas embarcacións empregando unha mazá, un palillo e un anaco de papel...
Recomendo empregar un recipiente máis amplo para ter máis espazo para navegar e maniobrar 😉 Pasádeo ben!!!
2.- DESCUBRINDO A MENSAXE SEGREDA...
Para realizar esta actividade precisaremos unha cera branda branca, un folio ou cartolina e acuarelas ou témpera mesturada con auga.
A colaboración dun membro da familia será esencial para conseguir un dos obxectivos desta actividade: provocar o asombro da crianza.
1º paso: un familiar deberá escribir unha mesaxe ou realizar un debuxo nun folio ou cartolina, sen que o neno/a o vexa.
2º paso: o rapaz ou rapaza comezará a pintar coas témperas/acuarelas no folio e decatarase a medida que pinta do que hai escrito ou debuxado.
Aquí vos deixo a miña mensaxe non tan segreda:
Ademais, quería compartir unha proposta de lectoescritura creativa empregando a mesma técnica. Consiste en realizar o alfabeto galego personalizado. Compártovos un exemplo:
Esquecinme dunha letra do alfabeto galego..., sabedes cal? Déixovos unha pista: o nome de ESPIÑEIRIÑA ten dúas!
Anímovos a facer esta actividade xa que resulta do máis entretida e colorida!
3.- SOMOS PERRUQUEIROS E PERRUQUEIRAS!
Para ser un bo perruqueiro e perruqueira, precisamos realizar unha formación previa para poder cortar o pelo o mellor posible.
Compártovos uns exemplos para que recortedes polas liñas seguindo a dirección das frechas:
Agora imos facer a nosa clientela da perruquería. Precisamos: 1 rolo de papel hixiénico, un rotulador e pegamento ou cinta adhesiva.
Tesoiras en man e..., a cortarlles o pelo!!!
Espero que os deixedes moi guapos e guapas!
Hai moitas maneiras de traballar a representación gráfica de números e letras, e algunhas resultan máis divertidas que outras.
1.- Empregando coches:
2.- Bandexas con arroz, pan raiado, sal, area...
Descubrir grafías: Tan só precisamos escribir letras nun folio e poñelo debaixo dun reciepiente transparente. Botar no reciepinte pan raiado, arroz..., e comezar a descubrir! A medida que destapan unha letra poden ir escribíndoa ou ó revés, tachando as letras que vaia atopando.
3.- Repasando con pasta:
Ademais das grafías, podemos facer outro tipo de actividades relacionadas coas mates. Exemplo: descomposición de número, anterior e posterior...
5.- A CASA DA MOSCA CHOSCA
A continuación, compártovos un conto que sei que vos gusta moito...
ATRÉVESTE CO CUESTIONARIO "MOSQUEIRO"?
- Recordas quen chegou primeiro á casa da Mosca Chosca?
- Que se celebraba na casa da Mosca Chosca?
- Saberías dicir que fixo de merendar que tan ben cheiraba?
- Que personaxe comeu toda a torta?
A maiores, se queredes, tamén podedes escribir e /ou debuxar os personaxes do conto.
Recordas a orde cronolóxica de chegada de cada un deles á casa da Mosca Chosca?
Por último, despedímonos cunha videomontaxe elaborada por Alfonso a partir dos vídeos que nos mandastes de #DígochoEu: proposta do cole para celebrar o Día e Mes das Letras Galegas!
Volveremos con máis novas o martes 9 de xuño...
Pasádeo mooooi ben!
Unha aperta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario