12 mayo 2020

PROPOSTA PARA FACER NA CASA 17

BOOO DÍAAAAAA!!

Algúns de nós xa podemos desfrutar da FASE I deste confinamento... Así que espero, que pouco a pouco, poidamos voltar a normalidade, pero lembrade... Con moito sentidiño... 

#ESTÁMOLOCONSEGUINDO

1. CONTO CANTADO, CONTO CONTADO

Aquí vos deixo outra adaptación musical do conto A que sabe a lúa? para que poidades desfrutar en familia.
Velaquí vai... Agora si...


Despois de escoitar o conto, a que pensas ti que lle soubo a cada animal o anaquiño de lúa? Por exemplo o rato soubolle a queixo... A min, soubome a iogur natural con noces e mel...
E a ti...?
E a túa familia...?

Podes facer un debuxo do conto cos animais e o alimento que máis lle gusta a cada un... Para rematar a actividade, respetando o nivel de maduración e cada un a súa maneira,  podes  poñerlle o nome os animais e os alimentos...

2. RETO A NIVEL MUNDIAL MUSEO GETTY

O Museo Getty de "Los Ángeles", iniciou esta divertida proposta onde temos que imitar con obxectos cotiás que teñamos por casa, unha obra de arte famosa que vos guste. É unha actividade moi orixinal e divertida para desfrutar en familia e onde as risas van a estar aseguradas... Esperamos que vos animedes a participar, xa que con todas as imitacións realizadas faremos un vídeo cheo de creatividade e imaxinación...

Aí vai a miña...

 
 "El viejo guitarrista ciego" (1904) 
PICASSO (Etapa azul)

e outras dúas de exemplo:


"Autorretato con sombrero de fieltro"  
VICENT VAN GOGH (1853-1890) 



3. ESTAMPACIÓNS CREATIVAS

Comezamos cortando pola metade a FROITA ou TUBÉRCULO (laranxa, limón, mazá, cenoria, pataca...) que queiramos estampar. Para darlle cor podemos tinguilo con colorante alimenticio ou pintura, facemos varias estampacións ao longo do folio ocupando todo o espazo e as deixamos secar.

A continuación decoramos as estampacións como queiramos e segundo o que vexamos ou imaxinemos: unha nena, unha cara, un sol, unha flor, un virus... 

E por último... ensinádenos as vosas obras de arte...





 





4. MANDALAS

Agora que xa podemos saír a rúa, ó monte, á praia... imos aproveitar estas saídas para comezar a facer a nosa caixa de pezas soltas cunha colección de diversos materiais de refugallo (pedras, paus, conchas, piñas, follas, plumas, tacos de madeira, envases, tapas, corchos, rolos...), para crear as nosas mandalas e utilizar no xogo simbólico ou na construción de minimundos.

Con todas estas pezas imos facer unha composición cos elementos elexidos formando unha unión e armonía medinte o equilibrio dos elementos. As mandalas son un excelente instrumento para traballar a concentración e relaxación.

Aquí vos deixo algúns exemplos:







Ata aquí as propostas de hoxe... Voltamos o venres con outras novas...

BICOS E APERTAS


07 mayo 2020

PROPOSTA PARA FACER NA CASA 16

Bo día familias!!!

Seica a chuva estes días deu unha tregua e xa podemos disfrutar un pouco máis do sol, e do xogo ao aire libre tan beneficioso, aínda que sexa por tempo limitado.

Gustaríanos seguir compartindo desde a escola, algunhas propostas con vós, para axudar no que poidamos ao desenvolvemento dos vosos fillos e fillas, complementando outras moitas que seguro que xa facedes por propia iniciativa. Hoxe suxerimos as seguintes:

1- XOGAMOS COA QUÍMICA E OS ALIMENTOS:

Poderedes comprobar que alimentos levan ou non ALMIDÓN, tan necesario para a nosa vida, e para obter ese aporte de carbohidratos tan necesario na nosa dieta, polo seu gran aporte enerxético. Ao ser de orixe vexetal, os alimentos que o conteñen soen ter beneficios acompañantes como ser ricos en vitamina ou fibra.
O experimento consiste no seguinte:













Cando temos o resultado final podemos facer comparacións de cantidade de almidón preguntándolles por exemplo:

*Cal destes alimentos ten máis almidón?, ...Ten máis almidón o plátano que o pan?, Ten menos almidón a pasta que o pan?... Traballaremos os conceptos máis que, menos que, igual... Podedes facer todas as preguntas que estimedes oportunas para conseguilo.




2- CONTO CONTIÑO: "O coelliño branco" Xosé Ballesteros- Óscar Villán.                                        
  




Agora que xa víchedes o conto propóñovos a seguinte actividade:

Nun TRABALINGUAS se repiten sonidos e a súa pronunciación soe ser algo difícil, por iso se nos traba a lingua.
Intenta inventar ti agora un trabalinguas coas palabras: cabra, encabritada, desencabritará, cabresa, caburra, cabraza, formiga, rabiga, barriga... e todas aquelas que poidas atopar no conto que rimen.
Podes escribilo a túa maneira, facerlle unha ilustración(debuxo)  e poñerlle un título, e compartilo con nós para que poidamos disfrutalo. Animádevos a darlle ritmo á lingua!!! Poño algúns exemplos de trabalinguas a continuación:



UN LOBO RUBIO                         O PITO COXO                          OS CORDÓNS

Un lobo rubio roe un loro duro      Por detrás daquel toxo              Collín cordóns,
se un lobo rubio o roe,                  vai un pito coxo.                        cordóns collín.
un loro duro o remoe.                   Corre, pito coxo                         Pola rúa corro,
                                                      pito coxo, corre.                        cordóns collo.
                                                                                                        Pola rúa corrín,
                                                                                                        cordóns collín.
 
 
 
           A PITA PASA                                     DEBAIXO DUNHA PITA TINTA
          A pita pasa                                           Debaixo dunha pipa tinta
          a pipa pinga.                                        hai unha pita pinta;
          Cando a pita pasa,                               cando a pipa tinta pinga,
          a pipa pinga.                                         a pita pinta pía.
                  
 
 
 
          UN CAN                                               CAEU UNHA CHICA
         Un can cun quinqué no cu.                   Caeu unha chica no chan.


3- ZUMBA: Xa vén a fin de semana e que mellor maneira de recibila que movendo un pouco o corpo. Envíovos o enlace duns video de zumba para animalos a poñer ese corpiño A BAILAR!!!

Antes de empezar a facer exercicio hai que quentar un pouco. Aí van os exercicios de quencemento. Despois comezamos co entrenamento e por último hai que relaxar os músculos.




Lembrade que despois de facer un pouco de exercicio hai que estirar os músculos, e podedes facelo acudindo á PROPOSTA PARA FACER NA CASA 2, onde hai un video de ioga para relaxarse e rematar a sesión.


Esperamos e desexamos que gocedes moito da fin de semana. Voltaremos a semana que vén con máis propostas, que oxalá sexan atractivas para os rapaces e rapazas.

                                           BOA FIN DE SEMANA EN FAMILIA!!!

05 mayo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 15

Bo día familias!

Parece que a situación vai mellorando e xa todos podemos saír nalgún momento da casa para despexarnos, xogar, pasear... cousas que xa botábamos en falta.

Comezamos esta entrada compartindo un vídeo dedicado a aqueles nenos e nenas que pasaron o seu aniversario en confinamento como auténticos campións e campioas!



Agora queremos compartir con vós algunhas propostas para facer ao longo desta semana... e a primeira delas vaivola compartir a mismísima Espiñeiriña...

1.- O LIBRO DOS RECORDOS

Como ben sabedes, Espiñeiriña é unha amante dos libros e como, por mor da aparición do Covid-19 nas nosas vidas, tivo que pechar a biblioteca e non pode compartilos con vós, ela proponnos que fagamos un libro, pero non un calquera, será o LIBRO DOS RECORDOS, onde os protagonistas seredes cada un de vós:
  • Primeiramente, xunto coas vosas nais e/ou pais ou de maneira independente, podedes elaborar unha lista escribindo os nomes das nenas e nenos da vosa clase e as vosas mestras/es. Os integrantes desa lista serán os protagonistas.
  • Cada día realizaredes unha páxina do libro: nun folio poñeredes de título o nome dun membro da nosa clase (compañeiro/a, mestre/a ou ti mesmo/a), faredes un debuxo del ou dela e escribiredes unha palabra ou unha frase en positivo que o caracteriza (ex: A teacher Sole é moi simpática). Poderedes escribir a palabra ou frase de maneira autónoma ou ben solicitando a axuda dunha persoa adulta.
  • Cando acabedes de realizar todas as páxinas do libro tan só vos quedará facer unha portada que o represente e encadernalo/grapalo.
Seguro que a todos e todas vos encantará coñecer esa característica positiva que os vosos compañeiros e compañeiras perciben de vós. Ademais de ser en un libro baseado nos recordos, será un libro que quede tamén para o recordo tras atravesar esta situación da que esperamos saír reforzados! Cando volvamos ó cole podemos ensinarllo ós nosos "compis" da clase.

*Recibiredes no voso correo electrónico unha lista cos nomes dos compañeiros de clase e dos mestres que traballan con eles e elas (titor/a e especialistas).

2.- A PRIMAVERA E OS MAIOS

Propóñovos unha actividade que nos permitirá experimentar diferentes sensacións. Para realizala moitos de vós necesitaredes saír da casa, algo que xa podemos facer!!! Deberedes conseguir algunhas flores das cores que queirades... Cando xa teñades as flores ou herbas, o seguinte paso será cubrilas de auga e metelas no conxelador...
Tras deixalas un día no conxelador... sabedes que pasou? Se vos ocorre de que forma divertida as podemos liberar?


Isto foi o que empregamos: unha xeringa, sal, auga con colorante e a diferente temperatura (predominantemente quente), un pulverizador e unha fonte de cristal (recoméndase unha bandexa ou fonte máis grande que a utilizada neste caso).
 

A derretir o xeo como ben poidades!!! Veredes que é moi divertido!

E así foi como quedou todo!


Esperamos que vos guste!!!

3.- MATEMÁTICAS E PSICOMOTRICIDADE FINA.

Esta proposta didáctica podemola adaptar a diferentes niveis... para realizala só precisaremos de papel, pinzas da roupa, depresores ou unha tira de cartón, unha palliña..., e un lapis.

Velaquí unha actividade para traballar a asociación número-cantidade. Podedes escribirlle unha grafía numérica e o neno ou nena terá que poñer tantas pinzas como o número indica ou o revés, escribindo o número de pinzas que ten colocadas...


Unha actividade de máis complexidade é a seguinte, que serve para traballar as sumas de forma sinxela:



 4.- RETO "TODO IRÁ BEN"

Para realizalo precisades un anaco de papel de cociña dobrado e os rotuladores necesarios para colorear nos extremos do papel as franxas do arco da vella... Agora vén o bo... Sodes capaces de completar o arco da vella empregando para elo tan só dous vasos con auga?



Velaquí a comprobación do reto:

 

Agora tócavos a vós. Seguro que vos sae xenial!


Pasádeo moooi ben. 
Volvemos este venres con máis propostas.

Unha aperta!


28 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 14

BOOOOOO DÍAAAAA!

Como imos familias?  Espero que un pouquiño mellor, agora que os nen@s xa poden comezar a saír, aínda que só sexa para estirar as pernas. Pero lembrade... con MOITO SENTIDIÑO...

1. CONTO CANTADO, CONTO CONTADO

Aquí vos deixo unha adaptación musical do conto "A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza". Espero que desfrutedes moito del e botedes unhas grandes gargalladas, xa que nesta situación que estamos a vivir fan boa falla...


A continuación, imos modelar as caquiñas de todos os animais que aparecen no conto, así que fixadevos ben nas imaxes das cacas e nas súas cores... Podedes facelo con plastilina ou con calquera outras masas sensoriais que teñades pola casa ou fixerades. Comezamos...

CAN DO CARNICEIRO: redondo e marrón, parecíase un chisco a un chourizo.
POMBA: unha pinga branca e húmida.
CABALO: 5 bolas grandes e gordas.
LEBRE: 15 (10+5: dez e cinco) balotes redondos.
CABRA: unha chea de cirolos cor caramelo.
VACA: unha masa marrón verdella. 
COCHO: un montonciño brando e pardo.
TOUPIÑA: negra e pequerrechiña.

Podemos rematar o traballo escribindo os nomes dos animais, cada un a súa maneira, e poñerllo nas súas caquiñas. Outro opción sería facer un debuxo do conto onde aparezan todos os animais cos seus nomes e as súas caquiñas.

2. CREA O TEU RETRATO COMO FACÍA PICASSO

Lembra que este pintor utilizaba o CUBISMO nos seus retratos, é dicir utilizaba distintas formas xeométricas para representar a realidade. Hoxe imos convertermos en Picasso polo que teremos que crear un retrato con distintas figuras xeométricas. Para iso precisas plastilina de varias cores, que podes facer consultando as PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 3 e... ao choio.

- Fai dúas bolas de plastilina de diferente cores e do mesmo tamaño.
- Úneas e aplástaas.
- Colócalle o que ti consideres: ollos, nariz, boca, pelo, cellas, pestanas, ourellas, gafas...

A deixar voar a vosa imaxinación e creatividade... Gústavos o meu retrato?

 

3. A MAXIA DAS PALABRAS

Imos traballar co noso nome e para iso temos que converternos en detectives...

1. Debuxa cada unha das letras que compoñen o teu nome nun folio.  
2. Buscar obxectos pola casa que comecen polo son de esas letras (/aaa/, /nnn/, /uuu/, /sss/) e poñelos enriba de cada folla. Cantos máis obxectos poidas atopar mellor....
3. Tamén podes escribir no folio, cada un a súa maneira e respetando a súa maduración e ritmo de aprendizaxe, as palabras novas dos obxectos atopados.

Aí vai un exemplo:



4. GRAFISMO CREATIVO

Collemos un folio  e o dividimos en oito partes iguais. A continuación cada nen@ deberá encher cada parte con distintos tipos de trazos que elixirá libremente (horizontais, verticais, puntos, cruces, círculos, soles, cadrados, espirais, etc)





QUEREMOS VER MÁIS FOTOS DOS  TRABALLIÑOS QUE FACEDES DE TODAS AS NOSAS PROPOSTAS!!!

E por último... aquí vos deixamos o resultado final do vídeo do DÍA INTERNACIONAL DO BICO. Nel poderedes ver aos compañeir@s e profes mandándovos unha morea de bicos... Aínda que sexan virtuais estou segura de que os sentiredes preto e vos sacarán un sorriso...



Moitas grazas familias pola vosa aportación... Sen vós isto non sería posible..

MOITO ÁNIMO que pronto o conseguiremos... 

Aquí vos deixamos propostas para toda a semana... E como o venres é festivo, voltamos o vindeiro martes con novas propostas...

BICOS E APERTAS...

23 abril 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 13

Bo día familias!

Ante todo desexamos que todo siga ben polas vosas casas e enviamos moito ánimo pois, por fin a partir do domingo 26 de abril, comezamos a ter un pouco de respiro!!!



Ademais, como ben sabedes, onte foi o día do libro e tanto na páxina web da escola como no blog da biblioteca, está publicado o contacontos a cargo da "TROPA DE TRAPO". Agradeceremos moito que se vos gustou, premades en "gústame 👍" na páxina de Youtube:

Tamén tedes dispoñible o video con todas as vosas recomendacións literarias:


E agora, comezamos coas propostas do 24 de abril:

1- DÍA DO LIBRO 23 DE ABRIL:

Esta é unha data moi señalada para todos e todas os que disfrutamos coa lectura facendo voar a noso maxín e creatividade, polo que non podía faltar unha pequena proposta relacionada cos libros.

Un dos libros máis especiais que existen é "O PRINCIPIÑO". Foi escrito por Antoine de Saint-Exupéry, e é un dos libros máis leídos da historia, que foi traducido a máis de 250 linguas e dialectos, incluido o latín. Deixámosvos un pequeno fragmento da obra: "O principiño e o raposo".

 

A proposta sería a de facer uns monicreques coma a vosa creatividade e maxín elixa e representar un pequeno fragmento da obra, ou xogar con elas libremente. Poño unha fotografía de exemplo de monicreque sinxelo do principiño e do raposo:




2-FESTA DOS PÉS:

Os pés son unha parte importantísima do noso corpo, que as veces temos esquecidos e que necesitan do noso coidado. A proposta consiste en facer unha obra de arte cos pés.
Para realizar a actividade podedes enrolar os pés con plástico de burbullas, con bolsas plásticas..., ou se lles apetece poden sentir a pintura sen protexelos, e empapalos con pintura acrílica, para que poidan crear os seus cadros abstractos, incluso poderán estampar a súa pegada se se animan!!!




E agora toca relaxalos. Unha vez limpos podedes probar a facerlle masaxes con distintos obxectos: rugosos (cepillo, unha laranxa…, unha pedra) ou lisos (unha pluma, unha pelota...) o que se vos ocorra. Incluso podedes vendar cun pano os ollos dos nenos e nenas e que intenten adiviñar o obxecto que estades usando. Serán quen de aguantar as cóxegas!!! 😂 Despois poden mergullarse un rato nunha tina de auga con sal para que queden "contentos de todo"!!!


3- XOGANDO CO DADO:

Este xogo ao que podedes xogar en familia é moi sinxelo. Dependendo do número que saquen ao tirar o dado terán que responder as preguntas que lle fagades. Exemplo:
- Dime 4 títulos de contos que te gusten.
- Dime 6 nomes de neno que coñezas.
- Dime 3 nomes de árbores.
- Dime 2 nomes de flores.
- Dime … nomes de cousas que podemos levar ao parque, a praia… todo o que se vos ocorra.
- Nomes de comidas, de películas, de debuxos, de cousas que te gustaría facer cando poidamos saír da casa...



Por último, deixámosvos o enlace da canción "A fraga do meu avó" en honra á Terra.


Tamén queríamos contarvos que a partir da semana que vén publicaremos dúas veces por semana, polo que as propostas para facer na casa, sairán cada martes e venres.

Un bico moi grande e boa fin de semana!!!