05 mayo 2020

PROPOSTAS PARA FACER NA CASA 15

Bo día familias!

Parece que a situación vai mellorando e xa todos podemos saír nalgún momento da casa para despexarnos, xogar, pasear... cousas que xa botábamos en falta.

Comezamos esta entrada compartindo un vídeo dedicado a aqueles nenos e nenas que pasaron o seu aniversario en confinamento como auténticos campións e campioas!



Agora queremos compartir con vós algunhas propostas para facer ao longo desta semana... e a primeira delas vaivola compartir a mismísima Espiñeiriña...

1.- O LIBRO DOS RECORDOS

Como ben sabedes, Espiñeiriña é unha amante dos libros e como, por mor da aparición do Covid-19 nas nosas vidas, tivo que pechar a biblioteca e non pode compartilos con vós, ela proponnos que fagamos un libro, pero non un calquera, será o LIBRO DOS RECORDOS, onde os protagonistas seredes cada un de vós:
  • Primeiramente, xunto coas vosas nais e/ou pais ou de maneira independente, podedes elaborar unha lista escribindo os nomes das nenas e nenos da vosa clase e as vosas mestras/es. Os integrantes desa lista serán os protagonistas.
  • Cada día realizaredes unha páxina do libro: nun folio poñeredes de título o nome dun membro da nosa clase (compañeiro/a, mestre/a ou ti mesmo/a), faredes un debuxo del ou dela e escribiredes unha palabra ou unha frase en positivo que o caracteriza (ex: A teacher Sole é moi simpática). Poderedes escribir a palabra ou frase de maneira autónoma ou ben solicitando a axuda dunha persoa adulta.
  • Cando acabedes de realizar todas as páxinas do libro tan só vos quedará facer unha portada que o represente e encadernalo/grapalo.
Seguro que a todos e todas vos encantará coñecer esa característica positiva que os vosos compañeiros e compañeiras perciben de vós. Ademais de ser en un libro baseado nos recordos, será un libro que quede tamén para o recordo tras atravesar esta situación da que esperamos saír reforzados! Cando volvamos ó cole podemos ensinarllo ós nosos "compis" da clase.

*Recibiredes no voso correo electrónico unha lista cos nomes dos compañeiros de clase e dos mestres que traballan con eles e elas (titor/a e especialistas).

2.- A PRIMAVERA E OS MAIOS

Propóñovos unha actividade que nos permitirá experimentar diferentes sensacións. Para realizala moitos de vós necesitaredes saír da casa, algo que xa podemos facer!!! Deberedes conseguir algunhas flores das cores que queirades... Cando xa teñades as flores ou herbas, o seguinte paso será cubrilas de auga e metelas no conxelador...
Tras deixalas un día no conxelador... sabedes que pasou? Se vos ocorre de que forma divertida as podemos liberar?


Isto foi o que empregamos: unha xeringa, sal, auga con colorante e a diferente temperatura (predominantemente quente), un pulverizador e unha fonte de cristal (recoméndase unha bandexa ou fonte máis grande que a utilizada neste caso).
 

A derretir o xeo como ben poidades!!! Veredes que é moi divertido!

E así foi como quedou todo!


Esperamos que vos guste!!!

3.- MATEMÁTICAS E PSICOMOTRICIDADE FINA.

Esta proposta didáctica podemola adaptar a diferentes niveis... para realizala só precisaremos de papel, pinzas da roupa, depresores ou unha tira de cartón, unha palliña..., e un lapis.

Velaquí unha actividade para traballar a asociación número-cantidade. Podedes escribirlle unha grafía numérica e o neno ou nena terá que poñer tantas pinzas como o número indica ou o revés, escribindo o número de pinzas que ten colocadas...


Unha actividade de máis complexidade é a seguinte, que serve para traballar as sumas de forma sinxela:



 4.- RETO "TODO IRÁ BEN"

Para realizalo precisades un anaco de papel de cociña dobrado e os rotuladores necesarios para colorear nos extremos do papel as franxas do arco da vella... Agora vén o bo... Sodes capaces de completar o arco da vella empregando para elo tan só dous vasos con auga?



Velaquí a comprobación do reto:

 

Agora tócavos a vós. Seguro que vos sae xenial!


Pasádeo moooi ben. 
Volvemos este venres con máis propostas.

Unha aperta!


No hay comentarios:

Publicar un comentario